Friday 26 de April de 2024

A Pobra do Caramiñal, sede arousá da Regata Rías Baixas Xacobeo 2022


A Pobra do Caramiñal é un dos portos de referencia da Regata Rías Baixas Xacobeo que neste 2022 acada a súa 59 edición. Un evento xa consolidado no turismo náutico que destaca polo seu atractivo: un total de 80 embarcacións de 14 metros de eslora navegarán a vela as Rías Baixas.

O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, presentaron esta regata na súa etapa pola Pobra. Ambos fixeron fincapé na dimensión desta cita que contribúe a dinamiza-las actividades náuticas, ademais de xerar un movemento na localidade de aproximadamente 1800 persoas, entre tripulantes dos veleiros e familiares que os acompañan en terra. Tamén se pretende así enxalza-lo valor que ten a ría da Arousa a nivel económico, cultural e paisaxístico.

A travesía arribará no 11 de agosto ao concello, completando así a segunda etapa con saída de Combarro. Na xornada seguinte focalizarase exclusivamente na Pobra, pois será porto de saída e chegada da terceira etapa para, no día 13, dirixirse a Vigo coa cuarta.

Durante estes días farase entrega de premios por cada un dos tramos e ofrecerase un ágape no centro sociocomunitario.

Cómpre indicar que a primeira etapa correspóndese con Vigo-Combarro, mentres que a quinta e última céntrase na cidade olívica.